Marín perde o rexistro civil coa total compracencia do goberno local

O edificio do Xulgado aloxa actualmente o rexistro civil
O edificio do Xulgado aloxa actualmente o rexistro civil
Marín perde o rexistro civil coa total compracencia do goberno local

O edificio do Xulgado aloxa actualmente o rexistro civil

“Preguntámonos onde está a alcaldesa ante a perda dun servizo esencial que obrigará aos marinenses a desprazarse a Pontevedra”,  afirma a portavoz do BNG Pilar Blanco

A perda do rexistro civil de Marín está sentenciada unha vez que o próximo 15 de xullo entre en vigor a nova reforma da Lei de Rexistro Civil aprobada polo goberno de Rajoy.

“Tal e como advertíamos cando se presentou o anteproxecto da lei en abril de 2013, esta reforma traslada as competencias do Rexistro Civil aos rexistradores mercantís de da propiedade de xeito que Marín perde este servizo e os(as) marinenses teremos que desprazarnos a Pontevedra para tramitar rexistros de  matrimonios, defuncións, nacementos, ou peticións de nacionalidade, que até agora facíamos no noso concello”, afima a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

A edil nacionalista lembra que “Non só o BNG, senón outros grupos da oposición e colectivos sociais de Marín, rexeitamos dende o primeiro momento as  pretensións desta reforma, e instamos ao goberno local do PP a que actuase na defensa dos intereses de Marín. Dous anos despois comprobamos que o único que fixo o PP foi levantar a man na votación do pleno para non facer ruído. O goberno de Rajoy, unha vez que pasen as eleccións municipais, aplicará esta lei e Marín quedará sen rexistro civil, mentres o PP de Marín coa alcaldesa á cabeza, cala, consinte e tolera que os marinenses perdan un novo servizo como xa pasou antes co  de ambulancia 24 horas”.

É unha vergoña que dende a responsabilidade de ostentar a alcaldía se cale e otorgue en temas desta importancia

 “Mentres os veciños e veciñas de Marín, afectados pola perda de ambulancia e pola falta dun centro de saúde, se manifestaban a favor da sanidade pública a señora Ramallo asistía a un acto político do PP a poucos metros de distancia, e mentres outros alcaldes dan a cara e defenden os intereses dos seus cidadáns, a alcaldesa de Marín acepta e aplaude as decisións que perxudican a Marín  co único afán de manter contentos aos responsables das mesmas dentro do seu partido”, engade.

“Cremos que falamos en nome da gran maioría de marinenses cando afirmamos que non queremos que a nosa vila perda máis servizos. Xa temos que desprazarnos a Pontevedra para ir á maioría das consultas médicas, rehabilitación, para acudir a oficina de emprego ou da seguridade social. Pouco a pouco somos menos administrativamente, detrás da perda dun servizo vai outro, e non podemos consentilo. É unha vergoña que dende a responsabilidade de ostentar a alcaldía se cale e otorgue en temas desta importancia e nin sequera se tome a molestia de informar á cidadanía dos seus dereitos, tal vez coa “ilusión” de que non nós deamos por enterados até que pasen as eleccións”, finaliza Pilar Blanco.

 

Marín, 20 de marzo de 2015