Iniciamos unha campaña de recollida de medicamentos para Gaza

Iniciamos unha campaña de recollida de medicamentos para Gaza

Esther Méndez e Pilar Blanco durante a presentación da campaña

O material recollido será enviado a Palestina a través da Asociación Médica Hispano-Palestina

Distintos colectivos sociais de Marín e BNG iniciamos unha campaña de recollida de Medicamentos destinada á poboación Palestina que está a sufrir o asedio do exército israelí,  e que padece feridas de guerra nunha situación de emerxencia na que se necesitan medicamentos e persoal sanitario para atender aos máis de dez mil feridos provocados pola agresión do exército israelí.

María Esther Méndez, en representación dos colectivos colaboradores, e Pilar Blanco, portavoz do BNG de Marín, presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña de axuda a Gaza.

web2“Estamos en contacto directo con Yamil Abu Saada, médico palestino da Asociación Médica Hispano Palestina, co cal mantemos unha relación de amistade por pasar longas tempadas en Marín dende hai case trinta anos. El solicitounos axuda ante a grave situación que están a vivir os seus compatriotas e ante a boa disposición dos representantes do BNG en Marín decidimos poñernos a colaborar inmediatamente”, afirmou María Esther Méndez.

“Existen 13 puntos de recollida distribuídos polo centro de Marín e Seixo. En concreto no Centro de Saúde de Marín, Casa do Mar, Centro de Saúde de Seixo, Parroquia de Sta María do Porto (Templo novo), Parroquia de San Xulián,  As delicias da terra, Asociación Amigos dos Rapaces (Manualidades Pesqueira, Rúa Lameira, 5), Librería Jumer, Bebé Katy, Igrexa  Evanxélica de Marín, Quiosco de prensa San José, Imprenta  Dibay e a Sede do BNG de Marín”, informou Pilar Blanco.

“En calquera destes puntos pódense deixar sobre todo analxésicos, antiinflamatorios, antibióticos, pomadas para queimaduras, vaselina, apósitos, vendas, gasas, cueiros para nenos e maiores, e todo tipo de material hixiénico e leite para nenos”, engadiu.

web3A campaña prolongárase até o 30 de setembro, e completárase cunha conferencia en Marín a cargo de Yamil Abu Saada en vindeiras datas na cal disertará sobre a situación real da poboación Palestina e sobre os motivos desta nova agresión militar que pasan por romper o acordo de unidade nacional contra a ocupación que acaban de asinar Fatha e Hamás e que Israel non está disposto a tolerar.

“Coñecer o conflito da man de Yamil axudáranos a comprender mellor o que está a pasar o pobo palestino e as razóns do seu sufrimento, que ningún pobo está libre de sufrir mentres haxa estados xenocidas como o de Israel que impoñen a forza co consentimento de Estados Unidos e de gran parte da comunidade internacional”, afirma a portavoz do BNG.

Tanto Esther Méndez como Pilar Blanco agradeceron a axuda desinteresada dos comerciantes e colectivos de Marín que colaboran na campaña que intentarán que se estenda a toda a comarca do Morrazo.

 

Marín, 26 de agosto de 2014