O BNG traslada ao Parlamento o incumprimento do Convenio de Saneamento asinado en 2010

Sinatura do Convenio en 2010
Sinatura do Convenio en 2010
O BNG traslada ao Parlamento o incumprimento do Convenio de Saneamento asinado en 2010

 

Asemblea veciñal en Santomé para demandar o cumprimento do convenio

A cuarta addenda ao convenio está sen asinar e pendente de levar a Pleno dende novembro do ano pasado

O BNG traslada ao Parlamento galego  varias preguntas sobre o incumprimento do Convenio de Saneamento asinado entre o Concello de Marín e a Consellaría de Medio Ambiente da Xunta no ano 2010, durante o anterior goberno municipal.

A través do seu deputado Daniel Rodas, o BNG demanda explicacións sobre as auténticas razóns do incumprimento dos prazos establecidos para a licitación das obras comprendidas dentro do Convenio de colaboración entre a consellaría de Medio Ambiente territorio e Infraestruturas, Augas de Galicia e o Concello de Marín para a execución e financiamento de infraestruturas hidráulicas no Concello de Marín, establecidos na terceira addenda aprobada polo Pleno en 2012, e porque aínda está sen asinar a cuarta addenda rexistrada no Concello en novembro de 2013.

En tres anos de goberno do PP, asináronse dúas addendas e só se licitou unha das catro actuacións pendentes

“A estas alturas todos os proxectos do convenio tiñan que estar rematados, mais só se levaron a cabo tres das actuacións, e dúas delas xa quedaran aprobadas polo anterior goberno municipal (Pardavila-Fixón e Cidrás). En tres anos do goberno actual do PP, asináronse dúas addendas e só se licitou unha das catro actuacións pendentes. É máis, a obra de saneamento Miñán-Esperela  leva en proceso de licitación dende o 12 de agosto de 2013. Nos sete meses que  van dende a publicación xa caducaron as autorizacións que Augas de Galicia e de Estradas con prórroga incluída dende abril de 2013”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Colector principal

Sinatura do Convenio en 2010

A día de hoxe segue pendente a obra para control dos caudais en tempo de chuvia no colector xeral de Marín que ha de ser financiada integramente por Augas de Galicia.

A concelleira do BNG explica que “o propio conselleiro de Medio Ambiente, en visita a Marín o pasado setembro, anunciou que a obra estaba totalmente definida, en fase de revisión polos servizos técnicos e se licitaría a finais do ano pasado ou comezo deste. A realidade é que estamos ante un novo anuncio falso aos que xa nos ten acostumados a alcaldesa e o PP. Non só están pendentes as principais obras senón que a día de hoxe a cuarta addenda, a través da cal o concello ten que financiar a parte das obras que lle corresponde, está sen asinar e sen aprobar polo Pleno sen que a alcaldesa dese ningunha explicación”.

“ O goberno da Xunta terá que responder no Parlamento cales son  as consecuencias deste feito para o citado convenio, e para o ritmo de execución das obras tendo en conta que o Concello de Marín debe co-financiar parte delas”, finaliza Pilar Blanco.

 

Marín, febreiro de 2014