O BNG solicita a adhesión de Marín á planta de compostaxe provincial

As cidades que avanzan reciclan e compostan os seus residuos urbanos
As cidades que avanzan reciclan e compostan os seus residuos urbanos
O BNG solicita a adhesión de Marín á planta de compostaxe provincial

As cidades que avanzan reciclan e compostan os seus residuos urbanos

“Esperamos que o PP sexa consecuente e vote a favor deste proxecto ao igual que fixo no ente provincial”, afirma Pilar Blanco

O BNG espera que a súa proposta de que o Concello de Marín se adhira á Planta Provincial de Compostaxe para o tratamento de residuos orgánicos que impulsan conxuntamente o Concello e a Deputación Provincial de Pontevedra, saia adiante no pleno da Corporación que terá lugar este venres.

“Despois de oito meses (a moción foi rexistrada en xuño pasado), do seu rexistro por fin o goberno do PP se decide a introducir na orde do día da sesión plenaria a nosa proposta de avanzar no obxectivo de acadar a compostaxe de polo menos o 25% da fracción orgánica dos nosos residuos antes do ano 2020 e que nestes momentos non cumprimos nin de lonxe”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

“As cidades que avanzan reciclan e compostan os seus residuos urbanos. O sistema implantado pola Xunta está obsoleto, non cumpre coa directiva europea porque contamina, e supón unha ruína para os concellos aos que cada vez se lle sube máis o canon a pagar”, engade.

Dende que a Concellaría de Medio Ambiente dirixida polo BNG no anterior goberno municipal impulsara a compostaxe domiciliaria, non houbo ningún tipo de iniciativa neste sentido no noso municipio

“Na actualidade os níveis de compostaxe en Marín son practicamente simbólicos, xa que a práctica totalidade dos residuos orgánicos estanse a transferir a Sogama e, dende que a Concellaría de Medio Ambiente dirixida polo BNG no anterior goberno municipal impulsara a compostaxe domiciliaria, non houbo ningún tipo de iniciativa neste sentido no noso municipio”, lembra Pilar Blanco.

“A planta de compostaxe provincial supón a oportunidade de reducir a incineración masiva de residuos que se realiza den Cerceda a través do sistema imposto pola Xunta, e ademais limitara os desprazamentos e os prexuízos medioambientais que supón transportar o lixo a centos de quilómetros de onde se produce”, engade.

“A partir do momento de entrada en funcionamento do sistema de compostaxe o obxectivo deixará de ser o beneficio económico (como pasa agora con Sogama) para ser a mellora do tratamento dos residuos sólidos, neste caso, dando un trato diferenciado aos orgánicos”. “Esperamos que o PP sexa coherente e vote a favor desta adhesión, ao igual que o fixo no Xunta de Goberno e no Pleno da Deputación cando se aprobou o Protocolo que comtempla a posibilidade que outros concellos se incorporasen a este proceso de tratamento na planta de compostaxe”, finaliza a portavoz do BNG.

Marín, 12 marzo de 2015