O BNG recolle as suxestións dos clubs para integralas nas bases das subvencións deportivas

Alfonso Fernández Pose
Alfonso Fernández Pose
O BNG recolle as suxestións dos clubs para integralas nas bases das subvencións deportivas

 

Alfonso Fernández Pose

O BNG ven de rexistrar un documento no que se recollen as propostas dos clubs deportivos de Marín co obxectivo de que se integren no texto das Bases Reguladoras para a concesión de axudas ás entidades deportivas do noso concello.

“Desde o BNG entendemos que o goberno local debería abrir un proceso participativo, aberto e transparente dirixido a todos os clubs deportivos de Marín que poidan optar a este tipo de axudas, mais non é así. As bases fóronnos entregadas, polo concelleiro delegado, o  pasado día 4 de agosto en Comisión Informativa de Deporte, fóra da orde do día e sen previo aviso. Desde ese momento o BNG comunícoulle a os clubs a posibilidade de poder facer achegas e suxestións para tratar de que sexan recollidas no texto definitivo das bases”, informa o concelleiro do BNG, Alfonso Fernández.

“Case todos os clubs coinciden en que o Concello debería primar o deporte de base, por iso propoñemos outra baremación e outro criterio no reparto de puntos, de xeito que non sempre saian beneficiados os mesmos clubs, tanto cando se trata de subvencionar eventos como de subvencionar a actividade. Por esta razón  propoñemos unha modificación no criterio de reparto, de xeito que saían beneficiados os clubs que traballan a base”, explica.

Ademais tamén se propón incluír os gastos en material inventariable, xa que o Concello non dispón dunha partida orzamentaria para dito fin e “vemos que sería importante incluír este tema dentro dos gastos subvencionables”, e a inclusión dun anexo complementario para facilitar aos clubs a achega de relación de facturas .

Finalmente, tamén se recolle a proposta de incluír un punto no que se valore a utilización ou non de instalacións municipais para o desenvolvemento da actividade, “xa que os clubs que utilizan instalacións municipais xa estan sendo subvencionados neste apartado”, sinala Alfonso Fernández.

Marín, 22 de agosto de 2015