O BNG propón que as casas doadas por Cruz Gómez se destinen á Casa da Xuventude

O BNG propón que as casas doadas por Cruz Gómez se destinen á Casa da Xuventude

O inmoble atópase na zona máis céntrica da cidade

Xunta e Concello manteñen abandonado un inmoble que foi legado  para uso público social

O BNG ven de presentar unha moción na que solicita que o inmoble doado por dona Cruz Gómez Solla na rúa do Sol se destine á creación dun centro cívico municipal para a xuventude.

“Queremos que o Concello asine coa Xunta de Galicia un convenio de colaboración para rehabilitar e poñer en funcionamento como centro cívico municipal, as dúas casas doadas por Dona María de la Cruz Gómez sitas na rúa do Sol número 12,  co fin de destinalas a uso social e cultural para os nen@s e moz@s do noso municipio”, explica a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Un inmoble abandonado pola Xunta

“No ano 1997 a Xunta de Galicia aceptou  a doazón por parte de dona Cruz Gómez, máis coñecida como Crucita,  de dúas casas situadas no número 12 na rúa do Sol  do noso municipio para destinalas á acollida de nen@s e moz@s con necesidades. A casa de acollida de menores foi xestionada  pola Xunta durante dez anos, pero dende o ano 2007 pechou   estas dependencias por que as instalacións non cumprían coa lei de riscos laborais segundo un informe do Valedor do Pobo”, lembra a edil nacionalista.

Cruz Gómez Solla legou estas casas á Xunta en 1997

“A pesar de que no ano 2010 o Pleno da Corporación Municipal tomou o acordo unánime de solicitar á Xunta de Galicia a rehabilitación integral do inmoble co fin de darlle un uso social,  a Xunta do PP non fixo nada”, afirma.

“É máis, en febreiro deste ano 2014 a administración autonómica quixo renunciar á doazón que fora aceptada polo  Consello de Xunta ( Decreto 101/1997 de 17 de abril) coa intención de que revertese  nos herdeiros da benfeitora, pero estes xa comunicaron que non se fan cargo do inmoble porque consideran que a reversión do edificio debe realizarse en condicións idénticas condicións a como foi entregado á Xunta en 1997”, explica.

Deterioro continúo

Mentres a administración autonómica e os herdeiros non se poñen de acordo, a edificación sofre unha deterioración continúa tanto nos pisos superiores como  no baixo comercial: “Isto non se pode permitir nun local que segue sendo público a todos os efectos,  e cando, ademais,a edificación está dentro da área de rehabilitación integral da zona antiga de Marín,  o cal facilitaría a consecución de fondos para a súa rehabilitación”.

Un edificio con gran potencialidade

web3“A necesidade de dotacións públicas no noso concello, en especial para os nosos mozos e mozas é unha reclamación constante por parte da cidadanía de Marín. A recuperación dun inmoble destas características para unha dotación pública é algo ao que Marín non pode renunciar. O edificio conta con todas as potencialidades para poder xerar un espazo social e cultural para os nosos mozos e mozas, dando acollida tamén a nenos e nenas con necesidades especiais”, indica a portavoz do BNG.

“Non podemos consertir que a pasividade do goberno local do PP e  do goberno da Xunta impida que Marín poida contar cunha dotación pública no centro da cidade e con todas as posibilidades para poder destinalo ao benestar social e cultural da nosa mocidade”, finaliza Pilar Blanco.

 

Marín, 18 de outubro de 2014