O BNG promove unha reunión co Concello para solucionar a falta de auga en Seixo

O BNG promove unha reunión co Concello para solucionar a falta de auga en Seixo

pilarweb1O vindeiro luns terá lugar unha reunión na Casa de Cultura de Seixo entre veciños, técnicos municipais, representantes do goberno local e a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Esta cita ten lugar despois de que varios membros do BNG de Marín, entre eles a súa portavoz municipal, Pilar Blanco, acudisen a Seixo para escoitar  de  boca dos propios afectados, que en varias zonas desta parroquia levan semanas padecendo serias restriccións de auga, que lles obrigan a non poder facer uso dos electrodomésticos e mesmo da ducha. 

“Despois de que nos explicasen que a pesar de ter feito público o seu problema aínda non recibiran resposta algunha por parte do Concello, acordamos dirixirnos en primeiro lugar á alcaldesa para promover unha reunión na que, tanto os técnicos como os representantes municipais, lles expoñan primeiro o porque desta situación e se busquen despois as posibles solucións a un problema que pasa por non dispoñer dun ben esencial como é a auga potable nas vivendas”, explica a portavoz nacionalista.

Esta mesma mañá, nun encontro mantido entre a alcaldesa e a portavoz do BNG, acordaron que esa reunión tivese lugar o vinderio luns.

“Cremos que este é o primeiro paso necesario para buscar unha solución a unha situación que, de non tomar medidas, podería empeorar nas próximas semanas xa que aínda queda moito verán por diante”, afirma a concelleira do BNG.

“Polo que sabemos os problemas son basicamente de falta de presión suficiente para que a auga chegue ás zonas máis altas de Seixo, sobre todo da marxe esquerda en dirección a Bueu. Esta falta de presión ten que ver co aumento da poboación na época estival e co aumento de consumo de auga, que en momentos puntuais, como a primeira hora da mañá e a última de tarde, provocan que un número importante de vivendas se queden sen auga”, explica. 

“Certas recomendacións son básicas,  pero o Concello tamén debe dar exemplo nun uso racional da auga, e sobre todo debe buscar unha solución definitiva a un problema que sen ven arrastrando demasiado tempo e que este ano promete ser especialmente agudo”, engade.

“As solucións existen, exemplo delo é a que se buscou para dar presión á zona da Brea ou da Costa e Cividanes durante a xestión de goberno do BNG. Grazas a estas medidas os depósitos contan con bombas aceleradoras e con grupos de presión que permiten evitar que baixen o seu nivel de auga”.

 

“En todo caso, dende o BNG estamos dispostos a colaborar para que esta situación se supere definitivamente”, finaliza Pilar Blanco.

Marín, 23 de xullo de 2015