O BNG presenta seis propostas para mellorar a seguridade viaria no centro urbano de Marín

O BNG presenta seis propostas para mellorar a seguridade viaria no centro urbano de Marín

A Avda de Ourense é a vía onde se concentra maior número de accidentes

As estadísticas revelan unha altísima taxa de accidentes, moitos deles con resultado de persoas feridas

O BNG ven de presentar unha moción na que propón até seis medidas para mellorar a seguridade viaria no centro urbano da cidade.

“A nosa proposta está baseada nos datos que revela o informe policial que solicitou o BNG, para coñecer os datos estatísticos do número de accidentes que teñen lugar na nosa cidade e o seu grado de gravidade”,indica a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

datos trafico 001web“Todo o indicaba que a sinestralidade era elevada mais os datos non deixan lugar a dúbida. No ano 2013 producíronse un total de 199 accidentes só no casco urbano da cidade, 33 deles con resultado de feridos, e o resto con danos materiais. E no que levamos de 2014, houbo 156 accidentes dos cales en 34 houbo persoas feridas, e só no último mes houbo tres atropelos”, informa.

“A importancia destas cifras obrigan a analizar as causas e a tomar medidas que reduzan a sinestralidade nas nosas rúas e aumenten a seguridade viaria, tanto de condutores como de peóns. Mais o goberno local non parece preocupado polo tema, até o punto de que a Policía Local emitiu informe cando o solicitou o BNG, e o concelleiro delegado de Tráfico limitouse a facernos entrega do mesmo sen mais”, engade a concelleira nacionalista.

Rúas máis perigosas

Moitos pasos de peóns están sen repoñer

Os accidentes concéntrase maioritariamente en tres rúas: Avenida de Ourense, Concepción Arenal e Jaime Janer, mais tamén hai accidentes en Ezequiel Massoni ou na rúa Estrada: “A sinalización horizontal e vertical está deteriorada, sobre todo nos cruzamentos, non se fai reposición dos pasos de peóns,  e non hai suficiente vixilancia. Todo isto, xunto coa velocidade excesiva, fai que as nas nosas rúas sexan vulnerables para as persoas que todos os días transitan pola cidade”, indica a edil do BNG.

“Por non cumprir, nin sequera se cumpre a peonalización do casco antigo pola que tanto traballamos para incluír como un obxectivo máis do proxecto Arela, agora desfigurado polo goberno do PP”, afirma.

Propostas do BNG

Pilar Blanco especifica as medidas propostas: “O Concello é responsable dun correcto mantemento das vías públicas, do bo estado e localización da sinalización e semaforización, de establecer límites de velocidade, de instalar pasos elevados, ou da presenza da policía. Por iso presentamos seis propostas, que esperamos sexan aprobadas, ás cales engadiremos todas as que nos fagan chegar os veciños e veciñas de Marín, e que pasan por a reposición da sinalización horizontal, en particular nos cruzamentos, de todo o termo municipal, o repintado dos pasos de peóns da zona urbana, a instalación de limitadores de velocidade nas principais rúas de Marín, a instalación de pasos elevados nas entradas dos colexios do centro urbano, a confección dun estudo de seguridade viaria do Concello de Marín, co obxectivo de rebaixar a sinestralidade viaria e a creación de zonas 30, ademais de solicitar das outras administracións (Ministerio de Fomento, Xunta e Deputación) medidas de seguridade viaria nas estradas da súa competencia que discorren polo noso Concello”.

 

Marín, 1 de outubro de 2014