O BNG pregunta polas deficiencias na recollida do lixo

O BNG pregunta polas deficiencias na recollida do lixo

Nalgúns puntos o lixo acumulouse durante catro días

A portavoz do BNG, Pilar Blanco, solicitou explicacións sobre as  deficiencias no servizo  de recollida do lixo que se veñen producindo dende hai xa varias semanas.

“Vimos observando que nas últimas semanas a recollida non é completa, e o horario establecido non se cumpre. O sábado 22 non se recolleu o lixo da Praza de Abastos, que permaneceu ate o luns 24 pola mañá desbordando os colectores, o mesmo sucedeu o sábado 29 de xeito que o lixo leva tres días á porta da Praza e o cheiro inunda os arredores”, afirma a concelleira nacionalista.

“Pero a porta da Praza non é o único punto onde desbordan os colectores. A rúa Echegary, ao lado da igrexa vella ofrecía o mesmo espectáculo”.

Os horarios non se cumpren e o lixo acumulase en todo o municipio

“A horario de recollida do colector verde que contén o lixo orgánico non se cumpre, de xeito que en lugar de facelo despois das dez da noite e ate as sete da mañá como establece o contrato, para despois poder trasladalo á planta de Ribadumia, faise polo día, despois das 07.00h, de xeito que a recollida non é completa e o colector amarelo queda sen recoller”.

 

“En canto a limpeza dos colectores, simplemente non existe”.

“Tamén hai deficiencias na recollida do cartón e papel e vidro. Os establecementos comerciais, como supermercados pagan unha tarifa especial e o Concello ten obriga de ofrecerlles este servizo, pero algúns recibiron orden expresa, de non botar o papel nos colectores”.

“Esta claro que a empresa concesionaria está incumprindo o contrato polo cal se lle paga, e que o goberno local, e en concreto a concelleira de Medio Ambiente, ten que dar explicacións de porque non lle esixe que cumpran o servizo. O contrato establece claramente un calendario e  o número de persoas que a empresa debe ter contratadas, e o Concello debe vixiar que se cumpran e non ocultar as deficiencias da recollida”, afirma a portavoz do BNG.

O servizo degrádase a ollos vista dende que o PP asumiu as responsabilidades do goberno local

“ O servizo degrádase a ollos vista dende que o PP asumiu as responsabilidades do goberno local, ademais de  botar abaixo as melloras conseguidas anteriormente. Nada sabemos das promesas que a concelleira de Medio Ambiente, fixo hai un ano de campañas de concienciación (que a empresa está obrigada a facer por contrato) nin do plan de mellora que Urbaser ía remitir en setembro de 2011”.

“Sobre todo isto o BNG preguntou na Comisión Informativa de Medio Ambiente, a resposta da concelleira delegada foi que se están a facer probas de cambios de horario, en canto á falta de recollida de lixo na Praza de Abastos dixo non coñecer estas deficiencias.En ningún momemto recoñeceu que houbera problemas no servizo de recollida”, finaliza Pilar Blanco.