O BNG de Marín propón a recuperación dos equipamentos e espazos da Escola Naval para uso público

O BNG de Marín propón a recuperación dos equipamentos e espazos da Escola Naval para uso público

ENweb“Sabemos que forma parte da historia de Marín e queremos que siga na vila, pero é fundamental que os veciños poidan disfrutar das dotacións actualmente infrautilizadas”, sinalou Blanco

“É preciso un amplo consenso da sociedade, facendo compatible esta cesión coa continuidade da academia da Armada”

 

O BNG-AA marinense presentou onte o seu proxecto de patrimonialización e integración urbana da antiga base da Escola Naval Militar de Marín, “unha iniciativa que ten que ser común, aceptada pola maioría dos veciños e que nós estamos dispostos a defender politicamente onde sexa necesario facelo”, explicou a candidata á Alcaldía, Pilar Blanco López.

“Queremos que a Escola Naval quede en Marín e teña o protagonismo que merece, xa que forma parte da nosa historia e queremos que permaneza na vila, pero entendemos que a recuperación para os cidadáns dos espazos da antiga base, agora infrautilizados, é a única alternativa para transformar a zona urbana”, engadiu a alcaldable.

Este plan, tal como explicou a nacionalista, supón “un aumento considerable do espazo público para uso e disfrute dos nosos veciños, un espazo digno para os nosos maiores e os nosos fillos, garantindo o crecemento futuro da vila”. A idea é recuperar para a cidadanía o porto deportivo, as dotacións deportivas e hostaleiras, os espazos verdes e os edificios infrautilizados.

Blanco resalta que “son un legado para deixar aos nosos fillos que debemos poder disfrutar canto antes para evitar o seu deterioro ou que caia en mans dos especuladores urbanísticos foráneos aos que nada lles importa o que poida pasar con toda esta riqueza que pertence, por enriba de todo, aos marinenses”.

A idea é recuperar para a cidadanía o porto deportivo, as dotacións deportivas e hostaleiras, os espazos verdes e os edificios infrautilizados.

Neste sentido, o BNG insiste na importancia histórica e actual da Escola Naval, pero matiza que “deben ser os veciños os que decidan o futuro da antiga base, xa que sabemos que unha gran maioría social, sexa da ideoloxía que sexa, reclama a recuperación de espazos e dotacións para o disfrute do pobo, ao igual que se está a facer noutras cidades na mesma situación”.

Blanco lembra que “o noso grupo foi o único que se dirixiu formalmente á Escola Naval para poñer sobre a mesa o futuro dos terreos que actualmente ocupa e quen vai decidir o destino”. Ademais, engade que “en contra do que se puidera pensar, atopamos unha receptividade moi positiva, aínda condicionando calquera decisión ao que diga o Ministerio de Defensa”.

“Entendemos que estamos ante unha decisión política na que a cidadanía ten moito que dicir sobre este patrimonio en desuso e en claro deterioro”, indica, engadindo que “Marín necesita unha identidade, xa que a histórica foi practicamente anulada pola falta de escrúpulos e sensibilidade con actuacións urbanísticas que deixaron á vila sen sinais características nin un patrimonio que legar aos nosos fillos”.

“Sabemos que é un proxecto que debe madurarse e que para facelo realidade será necesario un amplo consenso social, pero cremos que debemos comezar de xeito inmediato e o BNG comprométese a facelo desde o primeiro día do vindeiro mandato”, remata Pilar Blanco.

 

Marín, 21 de maio de 2015