O BNG de Marín compromete a aprobación dun plan especial para revitalizar e dinamizar o casto antigo

O BNG de Marín compromete a aprobación dun plan especial para revitalizar e dinamizar o casto antigo

web carballal“Crearemos unha bolsa de locais comerciais baleiros para promover o seu aluger aos emprendedores”, sinalou Blanco

A candidata pide o voto para o BNG co obxectivo  de “reactivar Marín e que os marinenses recuperen o orgullo de ser desta cidade”

 

O BNG-AA marinense aproveitou onte o acto de pecha de súa campaña electoral, celebrado na parroquia de Mogor, para anunciar a elaboración e aprobación dun plan especial do casco antigo de Marín, xa previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal, pero que está pendente de desenvolver, co obxectivo de revitalizar e dinamizar esta importante zona de Marín.

“O Goberno anterior deixou os cartos e os proxectos para humanizar as rúas do casco antigo, pero despois do investimento, ante a falta de políticas activas do PP, seguimos a ver como pechan comercios e cada vez hai máis vivendas deshabitadas”, sinalou a candidata, Pilar Blanco.

A nacionalista lembrou que “un plan especial daría seguridade normativa e xurídica a calquera actuación que se pretenda realizar na zona antiga, ao tempo que evitaría a ralentización que sofren os expedentes de obras ou actividade que se presentan no Concello”.

Ademais, tamén anunciou a creación dun banco de locais comerciais, tanto propiedade do Concello como de titularidade privada. “Na actual situación de crise existen moitos inmobles baleiros, polo que entendemos, e así o faremos, que o Goberno local debe intermediar entre os propietarios e os emprendedores para conseguer un aluger accesible co que gañen ambas partes”, explicou Blanco.

Na mesma liña, reiterou a súa aposta por crear un viveiro de empresas de iniciativa pública e municipal, “co obxectivo de crear novas oportunidades de emprego en Marín, para o que contaremos co tecido asociativo local ligado á actividade comercial e empresarial”.

Outra das iniciativas para dinamizar a economía local será a creación dunha axenda cultural estable. “Temos que encher as rúas e prazas de actividades e non só centrarse na Alameda Rosalía de Castro, así como introducir a Marín nos circuitos musicais e teatrais, algo que se potenciará coa consecución do auditorio”, sinalou.

Así mesmo, a candidata do BNG explicou que é relevante a organización de eventos deportivos de alto nivel, “pero ese tipo de accións teñen que estar acompañadas de medidas que permitan un retorno do investimento a través da economía local”. Para que isto ocorra, Blanco apunta que creará “unha guía de recursos e información aos clubs ou grupos que vaian visitar Marín para que o seu gasto se quede na cidade e non nas vilas próximas como está pasando ata agora”.

“Cremos que o deporte e a cultura teñen que xogar un papel fundamental na dinamización económica de Marín, polo que será unha das nosas grandes apostas nesta nova etapa de Goberno que agardamos iniciar a partir do domingo”, engadiu Pilar Blanco.

Finalmente, lembrou que “os veciños de Marín só teñen dúas alternativas: deixar que todo siga igual, que a vila vaia esmorecendo e perdenzo servizos, que a mocidade teña que marchar e que o Goberno municipal incumpla sistematicamente os seus compromisos, ou apostar por un cambio liderado polo BNG co que revitalizar a cidade e que os marinenses volvan sentir o orgullo de ser de Marín”.

 

Marín, 22 de maio de 2015