O BNG de Marín aposta por un transporte público entre o casco urbano e o Lago

O BNG de Marín aposta por un transporte público entre o casco urbano e o Lago

weblago“Apoiaremos ser reservas o proxecto para crear un gran xardín botánico e un arboreto que impulsan os comuneiros”, sinalou Blanco

“Ampliaremos a rede de compostaxe a domicilio e recuperaremos as axudas á Protectora de Animais que o PP retirou”

 

O BNG-AA marinense expresou onte cun acto no Lago de Castiñeiras a súa aposta por un programa de Medio Ambiente “amplo e comprometido” para que o Concello se sume á sensibilidade amosada pola sociedade durante os últimos anos, “no que esta área non esxistiu para o Goberno de María Ramallo”, tal como sinalou a alcaldable nacionalista, Pilar Blanco.

Unha das grandes apostas do equipo do BNG será “apoiar sen reservas” o proxecto que a Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo, formada por comunidades de montes de Marín e Vilaboa, ten para crear un xardín botánico e un arboreto neste lugar, ademais de protexelo e potenciar o seu aproveitamento social. “Esta iniciativa ten o noso respaldo desde o primeiro momento e xa reclamamos que a Xunta e a Deputación se sumaran sen resultado”, indicou Blanco, para engadir que “neste último caso a alcaldesa de Marín non dubidou en votar en contra de facer unha aportación económica ao proxecto”.

Como complemento, os nacionalistas consideran necesario “un servizo de transporte público ao Lago para facilitar o acceso a todos os veciños e visitantes que o desexen”, así como recuperar os asadoiros “para que este contorno volva ser un gran centro de reunión de familias durante o seu tempo de lecer, co que acabou o PP polo abandono do espazo”.

“María Ramallo tan só se encargou de rematar os proxectos do paseo do río Lameira e das hortas urbanas do Sequelo que xa deixaramos preparados o Goberno anterior. Nin sequera foi quén de acometer as obras de saneamento conveniadas coa Xunta no ano 2010 pola Concellaría de Medio Ambiente que dirixía o BNG”, sinalou Blanco.

Así, os nacionalistas apostarán por un programa educativo medioambiental estable, que incluirá obradoiros e campamentos. Do mesmo xeito, “queremos ampliar a rede de compostaxe a domicilio iniciada no anterior mandato e que o PP se encargou de paralizar, ao que sumaremos a recuperación das axudas á Protectora de Animais que Ramallo retirou para pagarlle a unha emprese privada”, engadiu a candidata.

En canto a obras, tamén pretende continuar o paseo do río Lameira e “aproveitar as zonas de lecer existentes na urbanización Virxe do Carme para crear espazos verdes para a cidadanía, e rematar o saneamento integral da cidade”.

“A nosa intención é facer políticas de medio ambiente activas, transversais e continuas, recuperando a senda implantada entre os anos 2007 e 2011  cando o Concello foi quén de acadar, entre otros logros, un certificado de calidade ambiental para as nosas praias, as mesmas nas que nos últimos anos estamos observando verquidos bastante habitualmente sen que se faga nada por evitalos, cando os areais son unha das nosas grandes riquezas”, sinalou Blanco.

 

Marín, 20 de maio de 2015