O BNG de Marín anuncia un compromiso “claro e decidido” para construir o auditorio

O BNG de Marín anuncia un compromiso “claro e decidido” para construir o auditorio

para a webO BNG de Marín anuncia un compromiso “claro e decidido” para construir o auditorio nos dous primeros anos do mandato

“Buscaremos o consenso necesario para o deseño do proxecto e a situación do edificio no casco urbano”, sinalou Pilar Blanco

“Non condicionaremos o investimento con excusas sobre a financiación ou a localización do equipamento como fixo o PP”

 

O BNG-AA marinense destacou onte a súa aposta “clara e decidida” pola construcción dun auditorio nos dous primeros anos do vindeiro mandato. “Non imos presentar ningunha maqueta, nin facer grandes promesas ou condicionar a súa consecución a que outras administracións asuman o proxecto, senón que asumimos un compromiso explícito coa sociedade para facelo realidade canto antes”, sinalou a candidata á Alcaldía, Pilar Blanco.

A nacionalista explicou que “elaboraremos o proxecto que a sociedade de Marín queira e traballaremos para acadar un consenso que permita facelo viable de xeito inmediato, incluindo a súa localización, e non trasladar a actuación no tempo como se vén facendo desde hai máis de 15 anos, xa que a cidade non pode agardar máis por un equipamento imprescindible como este”.

Neste sentido, lembrou que “o PP utilizou a excusa do seu custe primeiro e da localización despois para non cumprir co que Marín merece”, incidindo en que “tras o fracaso de que o concurso para a súa construción quedara deserto por ter un orzamento insuficiente, xogaron con levar o auditorio de Briz ao Parque Eguren, de ahí á Praza de España, logo a punta do paseo Alcalde Blanco e agora volven enganarnos con que o farán na Praza de España”.

“Os marinenses están fartos de promesas incumpridas e de recortes (como os dous aparcadoiros soterrados, o centro de saúde ou a retirada da ambulancia polas noites) e quere compromisos claros, polo que asumimos plenamente o reto de que no prazo de dous anos Marín teña o seu auditorio”, engadiu Blanco López.

En canto á financiación, a nacionalista explicou que “o Concello ten un remanente de cartos importante, como xa o tiña hai catro anos, que sae do peto dos marinenses e que debe investirse para que conten cos servizos que precisan e merecen. Resulta absurdo presumir de ter gardados no banco moitos cartos e seguir sen resolver as enormes carencias que ten Marín, como é o caso do auditorio”.

O BNG vinculou a consecución deste equipamento a crear un programa cultural estable que permita ofertar alternativas de ocio aos marinenses e visitantes, “e con elo contribuir a dinamizar a economía local a través de comercio e a hostalería”. A candidata nacionalista enfatizou que “xa non podemos permitirnos por máis tempo que outras vilas conten con circuitos culturais, musicais e teatrais que acaban atraendo aos marinenses en detrimento da sociedade da nosa cidade”.

Blanco entende que “existen varias alternativas viables dentro do casco urbano para facer a obra”, ao que suma que “contamos cunha sociedade madura como para poñerse dacordo nunha cuestión desta trascendencia para o futuro de Marín”.

“Nós comprometemos o noso traballo, a posta sobre a mesa de propostas e alternativas e garantizamos a búsqueda do consenso necesario para o deseño e a localización do equipamento, todo elo nos dous primeros anos do vindeiro mandato”, remata a alcaldable do BNG.

Marín, 19 de maio de 2015