O BNG leva a Europa a mellora do proxecto do colector de Marín para lograr evitar os vertidos

O BNG leva a Europa a mellora do proxecto do colector de Marín para lograr evitar os vertidos

webweb2

A portavoz do BNG en Europa Ana Miranda e a portavoz municipal en Marín, Pilar Blanco, compareceron hoxe en rolda de prensa para presentar a iniciativa que levarán ao Parlamento Europeo para que o chamado “Proxecto  do colector xeral de Marín” cumpra a directiva europea en materia de vertidos.

“O Concello de Marín, co voto en solitario do PP, ven de rexeitar as alegacións presentadas polo Grupo Municipal do BNG para mellorar o proxecto presentado por Augas de Galicia e que desvirtua o obxectivo principal que debía perseguir esta obra: rematar cos vertidos de augas fecais á ría de Marín-Pontevedra e na propia rede urbana da cidade”, explicou Pilar Blanco.

Evitar os alivios á ría

“Este proxecto é posible grazas ao Convenio asinado coa Xunta en 2010 cando o BNG tiña responsabilidades de goberno no Concello de Marín, e non podemos permitir que se altere co único obxectivo de trasladar os problemas de vertidos na EDAR de Praceres ao termo municipal de Marín”, indicou no sentido de que o tanque de retención situado en pleno paseo de Avenida de Ourense aliviará directamente ao mar en caso de excesos de caudal nos que se efectuarán alivios de emergencia.

 

Ana Miranda lembrou que esta obra está financiada en parte con fondos europeos FEDER e hai base legal para denunciar unha obra que “vai permitir alivios de augas fecais urbanas á ría de Marín”.

A portavoz do BNG en Europa, deixou constancia de todas as iniciativas anteriores do BNG en relación co saneamento integral das rías galegas e lembrou que “a directiva europa esixe o saneamento integral das redes urbanas e a persecución dunha rede separativa integral que garanta que as augas fecais sexan depuradas antes de chegar ao mar”. “Isto incumpre a lei e este  proxecto non pode ir en contra da normativa cando esta financiado con fondos europeos”, engadíu.

Ana Miranda que se trasladou a Marín para presentar esta iniciativa, tamén anunciou que no seu momento a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que ven facendo un seguimento do estado de saneamento das rías galegas, e que recentemente visitaron a Galicia para comprobar in situ o nivel de cumprimento da normativa, terá no seu poder toda a documentación relacionada co proxecto do Colector de Marín de forma directa, xa que a portavoz en Marín tamén se trasladará a Europa nese momento.

Marín, 20 de febreiro de 2014