O BNG leva ao Parlamento a desafectación das antigas casas de mestres do Carballal

O BNG leva ao Parlamento a desafectación das antigas casas de mestres do Carballal

O BNG insta á Xunta a autorizar a desafectación e asinar un convenio para rehabilitar as vivendas

O deputado nacionalista, Daniel Rodas, insta ao goberno galego á firma dun convenio para rehabilitar as vivendas

O BNG, a través do deputado Daniel Rodas, ven de presentar unha Proposición non de lei instando á goberno da Xunta de Galicia, a autorizar a solicitude do Pleno da Corporación de 2007 proceder a desafectación  das 12 vivendas de mestres do CEIP do Carballal,  e que á sinatura dun convenio de colaboración co concello de Marín para a súa rehabilitación.

Reticencias da alcaldesa

 “Dende o BNG non entendemos as reticencias da alcaldesa de Marín sobre este tema, e sobre todo non alcanzamos a comprender como se pode afirmar  que o Concello ten todas as de perder no proceso contencioso cando se pode demostrar de xeito fidedigno que as casas están deshabitadas, abandonadas e incluso tapiadas, ante os argumentos da Consellaría de Educación”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Esperamos que sexa o paso definitivo para que a Consellaría de Educación autorice a desafección tal e como se lle solicitou dende o anterior goberno municipal

“Debería ser o goberno local, e a alcaldesa,  quen estivera facendo xestións firmes co goberno da Xunta, tamén do PP, para desactivar este litixio que non ten ningún sentido, e hai moito tempo que a Consellaría de Educación debería ter retirado as súas falsas alegacións e autorizado a desafección das casas para destinalas a vivenda pública”.

A solución é política e non xurídica

“Non se trata dun tema xurídico, senón político e é de xustiza que se hai doce vivendas que xa non se usan para o fin no que un principio foron construídas, se rehabiliten e se destinen a vivenda pública e así darlle unha oportunidade as centos de persoas que hoxe non teñen posibilidades de facerse cun teito baixo o que vivir polos seus propios medios”, sinala a concelleira nacionalista.

Hai moito tempo que a Consellaría de Educación debería ter retirado as súas falsas alegacións e autorizado a desafección das casas para destinalas a vivenda pública

“Hai moitas familias  en situación de desamparo por ter que seguir pagando unha hipoteca por unha casa que xa non é súa, e outras que simplemente non poder soportar ter que pagar un aluguer porque están sen emprego”.

“Así llo transmitiremos á Xunta a través da iniciativa que vimos de presentar ante o Parlamento galego. Esperemos que sexa o paso definitivo para que a Consellaría de Educación autorice a desafección tal e como se lle solicitou dende o anterior goberno municipal, así a alcaldesa xa non terá que preocuparse por se perdemos o contencioso nos xulgados nin por ter que pagar as costas”, finaliza a portavoz do BNG.

 

Marín, xaneiro de 2014