O BNG esixe explicacións ao goberno local sobre a subida da auga

O BNG esixe explicacións ao goberno local sobre a subida da auga

Pilar Blanco  afirma que o PP amosa un total desprezo ante as queixas dos veciños

A portavoz do BNG, Pilar Blanco, afirma que o PP debe dar explicacións sobre a Lei de Augas aprobada pola Xunta e a súa aplicación en Marín por parte do goberno local.

“O PP amosa un total desprezo aos veciños de Marín, que pagan puntualmente os servizos de auga e saneamento, ao negarse a dar explicacións sobre a desmesurada suba destes servizos que se produce sen ningún tipo de advertencia nin información por parte do goberno local”, afirma a edil nacionalista.

“A señora Ramallo chegou a afirmar, con motivo da aprobación da Lei de Augas, que os veciños do rural quedarían practicamente exentos do canon da auga, e que máis do 30% das familias de Marín ían pagar menos que co anterior canon de saneamento porque se beneficiarían dunha tarifa social”, lembra Pilar Blanco.

Para moitas familias esta subida é simplemente insoportable

“A realidade é que absolutamente todos os veciños do rural están a pagar o novo canon, e que a maioría dos recibos correspondentes ao último trimestre do ano pasado a pasaron a duplicarse e incluso a triplicarse”. “Para moitas familias esta subida é simplemente insoportable, máxime cando se atopan con que o banco lles carga un recibo de auga de 70, 80, 90 e ate 120€ en plena costa de xaneiro”.

Ramallo evita dar explicacións

A portavoz do BNG dirixiuse á alcaldesa no pasado Pleno, para transmitirlle as múltiples queixas sobre a brutal subida do recibo da auga e saneamento, e sobre os recibos que están a recibir os comerciantes xa castigados con demasiados impostos, pero a alcaldesa rexeitou facer ningún comentario e limitouse a dicir que xa respondería.

A alcaldesa négouse a contestar as preguntas do BNG e a responder ás reclamacións do público durante o Pleno

“A pesar de que algunhas persoas do público increparon á alcaldesa neste punto non foi suficiente para que dese ningún tipo de explicacións, amosando un total desprezo polas queixas dos veciños”, indica Pilar Blanco.

Máis subidas no futuro

“En maio de 2012 a Xunta do PP aprobou o Regulamento do canon da auga e coeficiente de vertedura que se aplicará ao 100% a partir de xaneiro deste ano, polo que o recibo que os veciños de Marín reciban en abril aínda será máis gravoso, algo do que tampouco está a informar o goberno local”, afirma a concelleira do BNG.

“Ademais, a lei tamén contempla unhas mínimas bonificacións das que o goberno tampouco informou co cal a lei estase a aplicar indiscriminadamente no noso concello”.

Intensa campaña do BNG

O BNG levou a cabo unha intensa campaña informativa no ano 2011 dende o goberno municipal, con motivo da aprobación da Lei de Augas por parte da Xunta.

“Daquela o PP acusou ao BNG de alarmar sen motivo e de mentir, ao tempo que defendeu a aplicación do canon da auga como beneficioso e menos gravoso que o canon de saneamento que se pagaba ate agora”.

“Polo tanto agora, como alcaldesa e responsable desta subida, ten que explicar porque está a enviar aos veciños recibos que desmenten cada unha das súas palabras”, finaliza a portavoz do BNG.

Marín, 18 de xaneiro de 2013