O BNG denuncia o lamentable estado do edificio da Biblioteca Municipal

O BNG denuncia o lamentable estado do edificio da Biblioteca Municipal

bibliotecawebAs humidades invaden o teito e as paredes un ano despois das obras que supostamente as eliminaría

O BNG denuncia o mal estado do edificio da Biblioteca Pública Municipal:

“Esta mesma mañá puidemos comprobar como parte do teito da sala do Telecentro situada na primeira planta do edificio xa se desploumou, e as humidades ameazan con afectar a totalidade do teito”, informa a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

“Precisamente hai agora un ano o goberno local pechaba a Biblioteca ao público baixo o anuncio dunha reforma que liquidaría as humidades do edificio, e que implicaría a limpeza de canalóns,  e a reposición de tellas na cuberta. O resultado está a vista, as filtracións son maiores agora que antes das obras, e non só afectan ao teito do edificio senón tamén as paredes da planta baixa co conseguinte perigo para a colección de libros da biblioteca”, engade a edil nacionalista.

web2“Ademais as obras contaron cunha subvención da Consellaría de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, e polo tanto o BNG solicitará explicacións sobre a quen foron adxudicadas as obras, quen as dirixiu e como foron xustificadas, xa que se trata do gasto de miles de euros de cartos públicos e a todas luces as obras non cumpriron o obxectivo que as concelleiras de Cultura e Educación do goberno do PP anunciaron no seu día”.

Instalación de andeis

Dentro da mesma subvención as edís do PP, anunciaron a instalación de andeis e dun novo mostrador para atender ao público: “A realidade é que non hai espazo real para eses novos andeis, os corredores que quedan entre os mobles instalados son insuficientes para que se desprace unha persoa con discapacidade, por exemplo, e o novo mostrador resulta incómodo para as persoas que atenden ao público. Ademais, en principio xustificouse o gasto neste moble por que ía estar adapatado ás persoas discapacitadas pero a realidade é que non se utiliza para este fin”, afirma Pilar Blanco.

Un edificio insuficiente

A escaseza de servizos públicos nunha poboación como a de Marín de máis de 25.000€ ten un dos exemplos máis obvios no edificio da Biblioteca Municipal. Recentemente a alcaldesa negaba a necesidade de aulas de estudo para á xente máis nova e de máis espazo na biblioteca municipal: “A creación de máis espazos para a mocidade, de servizos ligados á cultura, á lectura e ao estudo supoñen unha auténtica aposta pola mellora da calidade de vida das persoas. Unhas declaracións como esas da boca da rexedora municipal evidencian a falta de proxecto do PP para Marín, o cal  é incapaz de ir máis alá de remodelar unhas simples beirarrúas e sempre no mesmo radio de acción”, finaliza a portavoz do BNG.

Marín, 10 de novembro de 2014