O BNG demanda a limpeza da Fonte da Grela, en San Xulián, e a reparación das beirarrúas de Mogor

O perigo é inevitable neste tramo
O perigo é inevitable neste tramo
O BNG demanda a limpeza da Fonte da Grela, en San Xulián, e a reparación das beirarrúas de Mogor

A fonte da Grela foi rehabilitada polo BNG a través do goberno municipal

A portavoz do BNG Pilar Blanco, informa da demanda de varias deficiencias nas parroquias de San Xulián e Mogor.

 En concreto, a portavoz nacionalista, solicitou hoxe na Comisión Informativa de Medio Ambiente,  que se proceda á limpeza da Fonte da Grela na parroquia de San Xulián. A fonte, que fora rehabilitada durante o goberno anterior, case deixou de deitar auga ha xa varias semanas, a pesares das abundantes chuvias desta primavera, polo que todo apunta a que a falta de auga é debida a unha falta de limpeza do manancial que a alimenta e que se atopa nas inmediacións da propia fonte.

 O BNG demandou a limpeza regular do manancial ao igual que se facía por parte do goberno anterior, durante o cal se rehabilitou a fonte e o lavadoiro deste lugar.

Arranxo das beirarrúas de Mogor

O BNG tamén demanda o cumprimento da moción presentada en xaneiro de 2013 e aprobada por unanimidade de todos os grupos na cal se instaba ao Goberno Municipal a que levara a cabo os pertinentes labores de limpeza das beirarrúas e de reparación nos tramos que o precisaban.

O mantemento dos tramos urbanizados é obriga do goberno local

“A día de hoxe o goberno local non fixo absolutamente nada, as beirarrúas están cada vez máis deterioradas e a falta de limpeza supón un auténtico perigo tanto para os peóns como para os automobilistas”, afirma a portavoz do BNG.

 “Na mesma moción reclamábamos que o Servizo de Estradas acometera as obras de  consolidación dos terrapléns situados no punto quilométrico 1+590, e a altura da finca de Alcántara, da estrada PO-551 ao seu paso pola parroquia de Mogor. Estas obras comezaron a semana pasada, pero o goberno local mantén en absoluto abandono o tramo comprendido entre Portocelo e a curva do Matadoiro”.

O perigo é inevitable neste tramo

 “Os peóns vense na obriga de ter que baixar á calzada porque a maleza invade as beirarrúas e, sobre todo, o tramo comprendido entre a fonte de San Xurxo e a curva de Portocelo está cada vez peor porque as baldosas que están desprendidas son cada vez máis”, indica a edil nacionalista.

 “É preciso que o goberno local actúe porque a limpeza e mantemento dos tramos urbanizados é da súa competencia, e porque debe cumprir os compromisos que adquire no pleno cando se lle demanda, en este caso por parte do BNG e dos veciños”, finaliza Pilar Blanco.