O BNG defenderá unha moción de apoio ás traballadoras de Cleanet

O BNG defenderá unha moción de apoio ás traballadoras de Cleanet

mani escola navalInstamos  ao Ministerio de Defensa a que faga cumprir as condicións do contrato e se aboen os salarios

O Bloque Nacionalista Galego de Marín defenderá unha moción no próximo pleno municipal de apoio ás demandas das traballadoras e traballadores de CLEANET, instando ao goberno local a que “se dirixa ao Ministerio de Defensa para que esixa á empresa CLEANET ao cumprimento das condicións de establecidas no prego de condicións da concesión, que se respecten os dereitos laborais dos e das traballadoras e se lles aboen as nóminas pendentes”.

O Ministerio de Defensa e a empresa CLEANET asinaron un acordo en maio de 2013, que estará vixente até xuño de 2015 para a limpeza das instalacións da Escola Naval Militar. O importe desa concesión, que ademais de Marín alcanza ás instalacións de Campolongo, a Brilat, residencia militar, Subdelegación de Defensa e Centro Deportivo en Pontevedra, ademais das instalacións militares de Cartaxena, Murcia, Sevilla ou Granada, entre outras, ascende a 12 millóns de euros.

 “Desde o inicio da concesión as traballadoras arrastran problemas de atrasos de pago, e dende finais de 2014 directamente o impago das nóminas”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

 En total son 34 persoas entre traballadores e traballadoras na provincia de Pontevedra. Este persoal, cuxos salarios non alcanzan os 700€ de media porque nunca son contratos de xornada complete,  xunto co resto de toda Galicia e do Estado, ven reclamando o pago de atrasos de até tres mensualidades e denunciando incumprimentos sistemáticos dos seus dereitos laborais dende o inicio do contrato.

 “En concreto as traballadoras de Marín veñen sufrindo ampliacións de xornada que non cobran, impago de varias mensualidades e de horas fóra da xornada laboral sen contrato”, afirma a portavoz nacionalista.

 O BNG solicitará ademais que o Ministerio de Defensa rescinda a concesión á empresa CLEANET: “O Ministerio de Defensa, que se ampara en que lle está a pagar á empresa, non pode permanecer alleo a este grave problema laboral, porque ao fin e ao cabo trátase dunha concesión para instalacións de Defensa. O Ministerio ten a responsabilidade de vixíar porque se cumpra a concesión, que debe levar implícito o cumprimento dos dereitos laborais dos e das traballadoras, así como o deber de controlar que se cumpra o prego de condicións”.

 “Moitas das persoas afectadas son ademais veciñas de Marín, co ca sentímonos dobremente obrigados a facer todo o posible por apoiar e defender os seus dereitos, unha vez que o PP está a mirar para outro lado e que incluso o director da Escola Naval se negou a recibilas”, finaliza Pilar Blanco.

 

Marín, 3 de xaneiro de 2015