O BNG cualifica de fraude o convenio para a musealización dos petroglifos de Mogor

O deterioro despois de tres anos aprecíase a simple vista
O BNG cualifica de fraude o convenio para a musealización dos petroglifos de Mogor

A pasarela do labirinto xa estaba incluída no convenio anterior

O texto non establece prazos, nin orzamento e inclúe actuacións xa recollidas no convenio executado xa anteriormente

O BNG denuncia que o convenio que o goberno local do PP de Marín sobre a musealización do Centro de Acollida de Visitantes dos Petroglifos de Mogor é unha auténtica fraude porque non establece nin prazos nin orzamento para levar a cabo unhas obras que tampouco se sabe en que consisten ou que xa viñan recollidas no anterior convenio xa executado.

“Nin prazos, nin orzamento nin definición do que se vai facer. A letra deste convenio é unha nota de prensa para xustificar unha foto máis da señora alcaldesa incapaz de poñer en marcha un centro que mantén pechado a cal e canto dende que accedeu ao goberno”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

O PP anunciara a musealización no ano 2012

“Agora, despois de todo este tempo en que o centro se foi deteriorando sen abrise nunca ao público, Xunta e goberno local do PP van asinar un convenio que non compromete  ningún gasto e que en canto aos prazos establece que entrará en vigor o día da súa sinatura e estará vixente ata a finalización das actuacións. Toda unha metáfora do que ven acontecendo coa posta en marcha deste centro!”, sinala a concelleira do BNG.

Obras xa recollidas no convenio anterior pero non executadas

As plataformas a executar na área arqueolóxica dos petroglifos, segundo o convenio anunciado, estaban xa contempladas no convenio en base a cal se levou a cabo a construción do Centro de Acollida de Visitantes:

planoweb“As plataformas xa deberían estar executadas xa que o proxecto do Centro de Acollida contemplaba tamén a execucción de dúas pequena pasarelas de madeira seguindo o mesmo deseño da xa instalada no petróglifo principal, cun orzamento que ascendía a 33.896€”. “É facilmente comprobable que esta parte do proxecto quedou sen executar xa que incluso se chegou a retirar parte do sendeiro de lastros que bordea o “labirinto” para instalar a pasarela e aínda hoxe permanece en terra”.

Falsos anuncios

En novembro de 2012, e a raíz de que o Concello outorgase a licenza urbanística,  a alcaldesa afirmaba que ese era o motivo que impedía poñer en marcha o centro e que a partir dese momento non había obstáculos. Unha afirmación que o tempo e os feitos revelaron falsos, xa que en febreiro deste mesmo ano a señora Ramallo volvía afirmar que este verán o centro estaría aberto ao público.

O deterioro despois de tres anos aprecíase a simple vista

“Unha cadea de falsos anuncios que se suman a resposta dada ao deputado do BNG en novembro de 2011 por parte do director xeral de Patrimonio a unha pregunta parlamentar á cal respostaba que a musealización do Centro de Acollida dos Petroglifos de Mogor levaríase ao longo do ano 2012”, lembra a concelleira nacionalista.

Un centro cada vez máis deteriorado grazas ao PP

“A letra deste convenio é unha nota de prensa máis con foto incluída cando a señora Ramallo e o señor conselleiro asinen un documento que non compromete a nada e que non se sabe cando se vai facer. O único que é comprobable e lamentable é que este centro que foi construído en base a un convenio asinado durante a xestión de goberno do BNG na Xunta e no Concello, está hoxe abandonado e cada vez máis deteriorado grazas ao PP”, finaliza Pilar Blanco.

Marín, xullo de 2014

 

O BNG cualifica de fraude o convenio para a musealización dos petroglifos de Mogor