O BNG afirma que o PP practica persecución política e nega a pegada de carteis

O BNG afirma que o PP practica persecución política e nega a pegada de carteis

Os carteis denunciados polo goberno do PP cumprían co establecido na ordenanza municipal

A portavoz do BNG, Pilar Blanco afirma que a concelleira delegada  de Medio Ambiente, Mariam Sanmartín, minte cando afirma que o BNG levou a cabo unha pegada de carteis e asegura que o PP está a levar a cabo unha persecución política contra  o BNG.

“É totalmente falso que o BNG realizase pegada algunha de carteis, nin nas datas sinaladas pola concelleira, nin antes, nin despois. Os carteis colocados na primeira semana de xullo correspondíanse á conmemoración dos 30 anos de vida da nosa organización e a celebración do 25 de xullo, e foron pegados en plafóns de madeira, que logo se penduraron das farolas do paseo da Avenida de Ourense (como se aprecia na fotografía) e noutras rúas de Marín, por medio de bridas de plástico para despois poder retiralos sen danar o mobiliario urbano. En ningún caso se colocaron directamente sobre as farolas”, aclara a concelleira nacionalista.

É totalmente falso que o BNG realizase pegada algunha de carteis, nin nas datas sinaladas pola concelleira, nin antes, nin despois

“Isto está perfectamente permitido pola ordenanza de Medio Ambiente que foi elaborada polo BNG cando estaba no goberno, e que a señora Sanmartín nunca se molestou en ler, de  feito, os espazos de libre expresión aos que fai referencia, tamén foron colocados durante o goberno anterior. A concelleira do PP aínda ten por demostrar que fixera algo polo Medio Ambiente dende que está no Concello”.

O PP non tolera as pancartas críticas e practica persecución política

“O que molestou ao PP foi o contido dos carteis e as datas en que se colocaron: plenas festas do Carme, uns días nos que numeroso público puido ler un vistoso cartel que facía referencia á unha organización contraria ao partido que agora goberna en Marín”.

“Dende o momento en que procedemos a colocalos, a concelleira de Medio Ambiente enviou aos axentes da Policía Local con orde de que non colocaramos os carteis, e a pesar dos intentos de diálogo con esta señora e das nosas explicacións seguiu adiante co expediente sancionador”, afirma a portavoz do BNG.

Os carteis sancionados penduraban das farolas sobre soportes ríxidos que non luxaron nin danaron o mobiliario urbano

“Continuamente vemos como empresas privadas colocan publicidade en mobiliario urbano do municipio sen autorización algunha, e que permanece colgada até que se desfai co tempo sen que o goberno do PP abra ningún expediente. O propio Concello incumpre a Ordenanza e coloca  carteis directamente nas paredes para anunciar, por exemplo a Festa Corsaria(ver foto)”. “Sen embargo, a alcaldesa e a concelleira, non se cortan para dar orden de que se retire todo aquilo que  lles molesta por ir en contra das políticas do PP. Recentemente foron retiradas por orde directa da alcaldesa as pancartas dos mariñeiros da flota en Mauritania ou a que facía referencia ás mentiras do PP con respecto ao Centro de Saúde”.

Persecución ao BNG

Non foi está a única vez que a concelleira delegada de Medio Ambiente intentou coartar a liberdade de expresión á que ten dereito o BNG.

En setembro pasado, Mariam Sanmartín intentou de novo impedir que o BNG levase a cabo unha campaña publicitaria co mesmo tipo de carteis  baseándose nun artigo que non era de aplicación e que o BNG contestou por escrito abortando as intencións do PP dende o goberno local.

Marín, 4 de xaneiro de 2013