O BNG advirte que non admitirá censura ou represión política e informará sobre a subida da auga

O BNG advirte que non admitirá censura ou represión política e informará sobre a subida da auga

“Non admitiremos ningún tipo de censura ou represión política e informaremos á cidadanía”, afirma Pilar Blanco

O BNG ven de rexistrar no Concello nova solicitude para levar a cabo a campaña informativa sobre a aplicación da Lei de Augas en Marín e a subida do recibo da auga.

 “Non hai ningún artigo da Ordenanza Xeral de Medio Ambiente que prohiba levar a cabo campañas informativas sempre e cando se solicite previa autorización. A ordenanza regula e non prohibe a instalación de pancartas ou paneis, o único que está a aplicar o goberno do PP coa alcaldesa ao fronte, é a máis implacable censura e represalia política contra un tema que non é do seu gusto e contra toda organización política ou colectivo que non siga as instrucións do PP”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

 

Este é o texto que presentamos por rexistro esta mesma mañá:

 

 

CONCELLO DE MARÍN

Alcaldesa Presidenta do Concello de Marín

Pilar Blanco López, en representación do BNG, e en relación coa Colocacións de paneis informativos para levar a cabo unha campaña informativa sobre o canon da auga, expón:

Que tras acusar recibo da proposta da concelleira delegada de Medio Ambiente e Benestar Social, Mariam Sanmartín García, de proposta de denegación de colocación de paneis informativos no mobiliario urbano, e sempre en representación do Bloque Nacionalista Galego, debo facerlle as seguintes consideracións:

1.- O artigo no que se basea a proposta de denegación, artigo 92 da Ordenanza Xeral de Protección Medio Ambiental do Concello de Marín, non é de aplicación no presente caso, xa que se insire no Título V, relativo á Publicidade: valados publicitarios, megafonía, publicidade a domicilio, recadros para a publicidade, marquesiñas, pintadas, grafitis, pancartas e outros.

Fica claro entón,  que se refire á publicidade comercial.

2.- En todo caso o artigo de aplicación sería o Artigo 12 do Título Preliminar, que reza así:

1. A colocación de valos publicitarios, carteis, pancartas e adhesivos requirirá en todo caso autorización e non se permitirá a colocación de elementos publicitarios sen autorización en:

* Espazos libres públicos e elementos de mobiliario urbano.

* Postes de iluminación, semáforos e sinais de tráfico.

* Muros, valos e cercas, a excepción de lugares habilitados para tal fin.

De modo provisional e en ocasións excepcionais como feiras, festas, exposicións ou congresos, o concello poderá autorizar anuncios non comerciais limitados ó tempo que dure o acontecemento, que de inmediato deberán retirarse unha vez que acabe o mesmo.

3.- O Concello autoriza ou permite a colocación de paneis na mesmas condicións que as expostas polo BNG a outras organizacións tal e como establece a Ordenanza Xeral de Protección Medio Ambiental do Concello de Marín aprobada no mandato anterior.

6.- Esiximos que se respecte o noso lexítimo dereito a levar a cabo unha campaña informativa sobre un tema de interese para toda a veciñanza de Marín, porque de non ser así, non estarían vostedes aplicando ordenanza algunha, senón a censura no máis literal sentido do termo.

Polo tanto,

Reiteramos a nosa solicitude de colocación de paneis informativos para levar a cabo unha campaña sobre o canon da auga e anunciamos que procederemos a colocalos dentro das vindeiras semanas.

Asinado,

Pilar Blanco López

Marín, 21 de marzo de 2013