O BNG-AA aposta por abrir Marín ao mar e crear un porto deportivo no Paseo Alcalde Blanco

O BNG-AA aposta por abrir Marín ao mar e crear un porto deportivo no Paseo Alcalde Blanco

we1Pilar Blanco afirma que “só nos seremos quen de impulsar un proxecto tan importante para a cidade como este”

Ademais propón crear un amplo bulevar frente ao Concello para recuperar a fachada marítima para os veciños

 

O BNG-AA marinense destacou onte o seu compromiso co obxectivo de abrir Marín ao mar durante os vindeiros catro anos. Ademais, a súa candidata á Alcaldía, Pilar Blanco, lembra que o seu grupo foi o único “que xa fixo diversas xestións cos organismos implicados para buscar a mellor fórmula en colaboración coa Escola Naval Militar e coa Autoridade Portuaria”.

A alcaldable nacionalista considera imprescindible construir o porto deportivo que Marín necesita xunto ao Paseo Alcalde Blanco, na franxa litoral situada entre a academia militar e a zona portuaria, “algo que debería conseguirse mediante un convenio con Costas, Defensa, Portos do Estado e a Xunta de Galicia”, sinala.

Neste sentido, explica que o seu grupo xa presentou esta iniciativa aos responsables da Escola Naval e do Porto de Marín. “No primeiro caso observamos a súa receptividade aínda que delegou a decisión final ao Ministerio de Defensa, é dicir aos seus dirixentes políticos, mentres que no segundo achegáronse as posturas”, indica Blanco.

O seguinte paso do BNG foi acadar o acordo unánime da Corporación para emprazar neste lugar o porto deportivo, “co dobre obxectivo de protexer as praias do litoral marinense e aproveitar as vantaxes das instalacións existentes”.

Sin embargo, a candidata nacionalista engade que “á vista das posturas de cada grupo nos últimos anos, só nós seremos quen de impulsar un proxecto tan importante para Marín como este”.

Blanco resaltou que “o PP levaba no seu programa de hai catro anos un porto deportivo e xa presentara unha moción neste sentido no mandato anterior cada estaba na oposición, pero desde o Goberno local non se deu nunca un paso a pesar de ter moitas facilidades, como é o Goberno do Estado e da Xunta e a relación de María Ramallo coa ministra de Fomento e co presidente da Autoridade Portuaria”.

De xeito complementario, o BNG tamén reclama que a nave almacén portuaria situada ao lado do paseo sexa cedida para albergar o centro de deportes náuticos (remo e piragüismo especialmente), como xa sinalou nons días anteriores.

Por outra parte, a candidatura nacionalista impulsará unha reordenación da zona comprendido ao borde da avenida de Ourense fronte aos edificios do Concello, o Xulgado e a Biblioteca, “xerando un amplo bulevar que permita a recuperación dunha nova fachada marítima na que poder emprazar unha zona comercial e de hostalería en locais integrados na paisaxe, que potencie e recupere a actividade turística e a visión da lámina de auga”, engadiu Pilar Blanco.

 Marín, maio de 2015