Avanza a campaña de recollida de medicamentos para Gaza

Avanza a campaña de recollida de medicamentos para Gaza

Recollida de medicamentoswebBNG e colectivos implicados lembran que hai catorce puntos nos cales depositar material médico en axuda aos feridos

A campaña de recollida de material médico para combater a situación de emerxencia sanitaria pola que está a pasar a poboación palestina en Gaza, avanza a bo ritmo e continuará até o día 30 de setembro.

O BNG de Marín, xunto con distintos colectivos sociais, iniciaron esta campaña o pasado 26 de agosto. Esta mañá, despois da primeira semana de recollida, realizouse unha primeira clasificación dos medicamentos recollidos por parte dos organizadores.

“Os medicamentos e material sanitario depositado nos catorce puntos de recollida que están distribuídos por todo o municipio, están a ser clasificados  e seleccionados antes de envíalos a Gaza a través da Sociedade Médica Hispano Palestina, organismo que está a levar a cabo esta campaña a nivel de todo o Estado ”, informan as portavoces dos colectivos organizadores.

A campaña continúa até o día 30 de setembro

Recollida webPilar Blanco, portavoz do BNG en Marín e Esther Méndez, en nome dos demais colectivos colaboradores, fixeron unha primeira valoración da campaña está mañá na sede local do BNG, lugar onde se depositan, clasifican e embalan os medicamentos antes de ser enviados a Palestina: “O material recollido até o momento responde basicamente ao solicitado. Analxésicos, gasas, vendas, pomadas xabón, cueiros e incluso chupetes e teninas que voluntariamente as persoas que responderon á nosa chamada van depositando nos puntos de recollida”, afirma Esther Méndez.

“Queremos dar as grazas  de novo a todas as persoas que están a colaborar na recollida e a aquelas xa fixeron a súa doación. Lembramos que en toda a franxa de Gaza o exército Israelí leva destruídas 140 escolas, son máis de medio millón as persoas refuxiadas que quedaron sen casas e entre elas hai moitos nenos e nenas. Por iso tamén recollemos leite en pó e material hixiénico e outro material que serva para atender ás persoas que viven en refuxios”, informa a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Conferencia de Yamil Abu Saada

Recollida web3As portavoces tamén informaron de que o día 11 de setembro terá lugar unha conferencia a cargo de Yamil Abu Saada, médico e vicepresidente da Asociación Médica Hispano-Palestina, o cal mantén unha estreita relación con Marín dende hai case 30 anos a pesar de residir en Madrid.

Yamil  Abu Saada informará da situación actual en Gaza, das orixes da ocupación Palestina e do xenocidio que se está a perpetrar contra o pobo palestino: “Cremos que é moi interesante poder coñecer os detalles do conflito e do que está a pasar a poboación de Gaza por boca dunha persoa como Yamil, quen sen dúbida nós transmitira de primeira man o sufrimento da poboación civil e a importancia da nosa solidariedade”, afirman ambas portavoces.

 

Marín, 6 de setembro de 2012

 

Nota: Os puntos de recollida son os seguintes: Centro de Saúde de Marín, Casa do Mar, Centro de Saúde de Seixo, Parroquia de Sta María do Porto (Templo novo), Parroquia de San Xulián,  As delicias da terra, Asociación Amigos dos Rapaces (Manualidades Pesqueira, Rúa Lameira, 5), Librería Jumer, Bebé Katy, Igrexa  Evanxélica de Marín, Quiosco de prensa San José, Imprenta  Dibay e a Sede do BNG de Marín.